Sunday 28 de April de 2024

A alcaldesa confía en que a estación Intermodal sexa unha realidade no 2023


Inés Rey mantivo un encontro esta mañá coa conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, para coñecer as liñas xerais do proxecto da estación Intermodal da Coruña

A alcaldesa, Inés Rey, confía en que as obras da estación Intermodal estean listas ao final deste mandato. O compromiso da Xunta quedou patente tras a reunión realizada esta mañá entre a alcaldesa, Inés Rey, e a conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, co fin de coñecer as liñas do proxecto da Intermodal na parte dos autobuses que é a que lle corresponde desenvolver ao Goberno autonómico e que servirá para mellorar a mobilidade da cidade. Durante a reunión, a titular de Infraestruturas anunciou que espera poder licitar as obras a finais de 2020.

Ao finalizar o encontro informativo, a alcaldesa explicou que o Goberno local cumprira co seu compromiso “de desbloquear infraestruturas esenciais para o desenvolvemento da cidade” e que confía en que a estación estea finalizada neste mandato, xa que servirá para garantir aos cidadáns da Coruña e da área metropolitana “unha mobilidade máis sustentable, rápida e segura”.

Inés Rey asegurou que o compromiso do seu executivo traduciuse na posta en marcha das modificacións urbanísticas esixidas para sacar adiante o proxecto. A Concellería de Urbanismo que dirixe Juan Díaz Villoslada xa aprobou en Xunta de Goberno os cambios necesarios no planeamento urbano para garantir os accesos á estación Intermodal. Modificacións que comprenden a reforma da avenida da Sardiñeira cunha conexión á avenida de Arteixo que incluirá un carril bici. Este cambio xa foi remitido á Consellería de Medio Ambiente para a súa aprobación. O segundo cambio, que inclúe a remodelación da avenida do Ferrocarril que dará acceso aos buses, está pendente de que Medio Ambiente o remíta a exposición pública.

Nota de Prensa

A rexedora cualificou a reunión de “moi positiva” e “exemplo da cooperación entre administracións que permite levar a cabo proxectos conxuntos que benefician aos veciños”.

Quedaría aínda pendente a firma dun convenio de colaboración entre as tres administracións. O proxecto ten un custo aproximado de 80 millóns dos cales 48,5 millóns serán achegados por Adif para a remodelación da estación ferroviaria de San Cristobo.